Amosando publicacións coa etiqueta Kazan 2011. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kazan 2011. Amosar todas as publicacións

luns, 13 de xuño de 2011

- Torneo de Reis en Bazna (3R) Punto para Nisipeanu


A terceira rolda da competición deixou a vitoria do local Nisipeanu diante de Ivanchuk. O ucraniano colocou unha berlinesa na que quedou demasiado pasivo, e o rumano presionou pouco a pouco ata quedar con posición gañadora.
O enfrontamento entre Radjabov e Carlsen rematou en táboas. Tras un cambio masivo de pezas nas primeiras xogadas o noruegués acadou unha mellor disposición de peóns, pero a cambio da mellor disposición de pezas do azerí. Tras unhas poucas voltas a posición chegou a unha posición de torres e peóns que non daba para nada.
O Karjakin - Nakamura foi unha Najdorf extraña, propia do estilo do americano. A posición pechouse e ningún tiña interés por forzar, así que firmouse o empate en canto pasaron do límite de 30 xogadas para poder ofrecelo.
Agora a táboa queda con Carlson na cabeza con dous puntos, seguido de Ivanchuk, Nakamura, Karjakin e Nisipeanu con punto e medio. Pecha con un Radjabov.
A rolda de mañá:
3GMNisipeanu Liviu-Dieter2662-GMRadjabov Teimour27446
4GMKarjakin Sergey2776-GMCarlsen Magnus28152
5GMNakamura Hikaru2774-GMIvanchuk Vassily27761


martes, 31 de maio de 2011

mércores, 25 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Final (6P). Gelfand gañador! Xogará contra Anand polo título!

Nunca é tarde, e con máis de 40 anos o israelí Boris Gelfand vai disputar un match co título de Campión do Mundo en xogo. Participara nun round-robin polo título, pero nun foi quen de chegar á final dun torneo de candidatos.
Hoxe tiñamos a derradeira partida a ritmo FIDE. Gelfand con brancas saiu de dama, e Grischuk escolleu a Grünfeld. O bispo branco de Gelfand foi a g2 para dominar a diagonal, e a partida avanzou de xeito cerrado. O ruso igualou a posición sen moitos atrancos, a tras algo máis de 20 xogadas tiña ao seu favor dous peóns brancos dobrados na columna h, a cambio de ceder a parella de bispos.
Gelfand presionou co seu mellor centro de inmediato, e Grischuk comezou a facer xogadas de pezas algo sospeitosas para gañar un peón, que permitiron activar as pezas brancas. O ruso de súpeto ten a posición chea de ocos, e está peor a pesares de conservar o peón. Ten pezas no aire e moitas dificultades para defendelas. Na 31ª a posición parece indefendible, pero a Gelfand pásaselle por alto o remate. Pero Grischuk non ve unha xogada para quedar soamente peor, e fai unha que o fai rendirse en poucas!
O match remata con 3,5 a 2,5


martes, 24 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Final (5P). Táboas algo máis loitadas


MARCADOR DA FINAL
Grischuk 2,5 - Gelfand 2,5

Desta vez Grischuk e Gelfand xogaron algo máis, pero tampouco foi unha loita moi interesante. Un gambito de dama co bispo branco en f4 e un avance de peón branco a c5. Cada un colocou as súas pezas ata que comezou unha longa serie de cambios ao pasar as 20 xogadas. E na 39 acordaron táboas.
Mañá a derradeira a ritmo FIDE. Alguén correrá riscos?

luns, 23 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Final (4P). Outro fraude de partida


MARCADOR DA FINAL
Grischuk 2 - Gelfand 2

Outro fraude na final de candidatos en Kazan. Gelfand saiu con Cf3, pero entruse nunha inglesa simétrica. Cada un sacou as súas pezas e cambiouse un cabalo. E na 18 táboas. Se o de onte xa foi día de descanso a partida 3 e a 4 podemos chamalas tamén día de descanso. Quedan dúas partidas a ritmo FIDE e despois virían os desempates. Querrán xogar mañá?

sábado, 21 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Final (3P). Táboas nunha partida lamentable


MARCADOR DA FINAL
Grischuk 1,5 - Gelfand 1,5

Despois de dúas partidas boas, hoxe tivemos un simulacro de xadrez. Grischuk variou na quinta xogada a liña da primeira partida, onde fixo 5.Bf4, e desta xogou 5.Bg5 nun gambito de dama clásico. De súpeto, con toda a partida por diante e todo en xogo, táboas na 14ª.

Non poñemos o enlace a partida porque non paga a pena perder máis tempo. A ver se mañá teñen a ben xogar ao xadrez...

venres, 20 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Final (2P). Táboas nunha partida excepcional


MARCADOR DA FINAL
Grischuk 1 - Gelfand 1

Unhas novas táboas nunha partida moi boa, na que a posición foi moito tempo de dobre fío. Gelfand saiu con Cf3 e xogouse unha inglesa co bispo branco en g2. A preparación de Gelfand fai que de súpeto teña unha peza de menos, pero con unha chea de ameazas e cando remata a variante ten torre e peón contra bispo e cabalo, e o rei de Grischuk algo exposto. Pouco máis tarde a cousa está en que Gelfand ten un peón moi perigoso correndo pola columna h directo a coroar, Grischuk o mesmo pero pola columna a e polo medio todas as pezas. Os módulos din que Grischuk tivo mellores opcións, pero apurado de tempo non acertou a soster a presión. Gelfand combinou sacrificando calidade para facer que Grischuk quede con cabalo por peón pero obrigado a entregar o mesmo polo peón h, e dese xeito entrar nunha posición de torre e peón contra torre e peón de táboas.

A partida no visor da FIDE.

xoves, 19 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Final (1P). Táboas interesantes


MARCADOR DA FINAL
Grischuk 0,5 - Gelfand 0,5

Comezou a final de candidatos, da que sairá o rival para Anand co que xogará un match en 2012. Na primeira partida Grischuk levaba brancas, e comezou con 1.d4. Gelfand xogou de xeito clásico o gambito de dama, con e6 e Be7, e Grischuk escolleu levar o seu bispo a f4 na quinta xogada. Foi Gelfand o primeiro en cambiar o ritmo tranquilo da partida en plena apertura, entrando nunha variante na que se cambiaron moitas pezas, e que desembocou rápidamente nun final de torre e bispo con catro peóns por bando. En poucas xogadas no taboleiro tiñamos unha posición de torre en peón por bando na que as táboas non se podían evitar. 0,5 - 0,5.
 

luns, 16 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Semifinais (Desempate). Gelfand e Grischuk finalistas


MARCADOR DAS SEMIFINAIS
Grischuk 5,5 - Kramnik 4,5
Kamsky 4 - Gelfand 6

Tras rematar as partidas a ritmo FIDE empatadas hoxe chegaban os desempates das semifinais, para saber quen vai enfrontarse a Anand no 2012 co título de campión mundial en xogo.
Na prórroga, as partidas rápidas, Kramnik e Grischuk fixeron outros catro empates. Nas partidas de Kramnik con brancas as partidas foron moi disputadas. Nas de Grischuk con brancas táboas en plena apertura. Deste xeito chegaron os penaltis, as partidas blitz. Na primeira Grischuk levaba negras e xogouse unha apertura inglesa que parecíase moito ao sistema Maroczy na siciliana. Kramnik cometeu unha imprecisión, deixouse un peón e a súa posición foi afundindo pouco a pouco ata que tivo que rendirse tras deixarse a calidade. Na segunda partida Kramnik estivo sempre peor pero as táboas daban o pase a Grischuk a semifinais e non buscou máis.
Gelfand e Kamsky empataron as dúas primeiras partidas rápidas. Despois Kamsky gañou con negras e Gelfand foi quen de salvar o match gañando tamén con negras na cuarta partida. Nas partidas a blitz Gelfand comenzou gañando con negras, impoñendo o seu bispo no final ao cabalo de Kamsky. Na segunda partida o americano tiña que arriscar e o fixo, pero Gelfand aproveitou a situación, non errou e acabou gañando a partida.


Polo tanto, a final será Grischuk - Gelfand, totalmente inesperada.

domingo, 15 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Semifinais (4P). Haberá desempates nas dúas semifinais


MARCADOR DAS SEMIFINAIS
Grischuk 2 - Kramnik 2
Kamsky 2 - Gelfand 2

Haberá que agardar a mañá para ter aos dous finalistas. As partidas de hoxe remataron en táboas polo que entrarán en xogo as partidas rápidas, e se iso non serve veremos blitz.

Kramnik - Grischuk; Outra vez a apertura inglesa no taboleiro. Grischuk ontén a parella de bispos a cambio de un rei algo inseguro, pero Kramnik non pode atacalo. Tras uns cambios as negras quedan con un perigoso peón en c4, pasadísimo, e que pasa a ser o centro da partida. Tras un xogo cheo de ameazas tácticas e sacrificando dous peóns Grischuk leva a sétima ao seu candidato, pero Kramnik pode forzar as táboas por contínuo e salvar a eliminatoria. 0,5 - 0,5.
Gelfand - Kamsky:Tras xogar onte unha partida moi intensa, desta vez asistimos a unha Grünfeld sen sobresaltos na apertura. Cando o medio xogo comenzaba e a cousa podía desequilibrarse, cambiáronse varias pezas e  acordáronse táboas na xogada 23. Quedamos sen unha interesante loita con torres e estructuras de peóns desiguais.

sábado, 14 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Semifinais (3P). Táboas as dúas partidas


MARCADOR DAS SEMIFINAIS
Grischuk 1,5 - Kramnik 1,5
Kamsky 1,5- Gelfand 1,5


Dous empates que deixan a derradeira partida a ritmo FIDE con brancas para Kramnik e para Gelfand.

Grischuk - Kranmik: Outra partida para esquecer. Unha Petrov e táboas en pouco máis de 20 xogadas cando podía tentarse algo para desequilibrar polos dous xogadores. 0,5 - 0,5.
Kamsky - Gelfand: Tremenda partida a que xogaron o americano e o israelí. Kamsky sacrificou un peón para manter o rei rival no centro e presionou abrindo a columna g. Gelfand contratacou no centro e consguiu un forte peón. Chegaron os apuros de tempo e os errores. Os dous xogadores estiveron perdidos e a cousa ao final da batalla táctica simplificouse nunha posición de táboas. 0,5 - 0,5.

As partidas en ChessBase.

- Candidatos Kazan 2011 - Semifinais (2P). Táboas loitadas


MARCADOR DAS SEMIFINAIS
Grischuk 1 - Kramnik 1
Kamsky 1 - Gelfand 1

As partidas da segunda rolda das catro a ritmo FIDE antes dos hipotéticos desempates remataron en táboas, e desta vez os catro xogadores empleáronse a fondo.

Gelfand - Kamsky: Unha defensa Grünfeld foi o que xogouse nesta partida. As pezas do israelí estiveron máis aactivas tanto no medio xogo como final, incluso con peón de máis. Pero a cousa derivou nun final de torres nos que un peón de máis non sempre gaña, e a acertada defensa do americano mantivo a igualdade desta semifinal. 0,5 -0,5.
Kramnik - Grischuk: Non tivemos catalana nesta ocasión. Unha inglesa na que Kramnik conseguiu unha mínima iniciativa que foi aumentando pouco a pouco ata gañar un peón avanzado de Grischuk, que ao principio dificultou o desenvolvemento branco, pero acabou sendo primeiro un peón débil e dospois un peón perdido. Pero o cabalo que tiña Grischuk bloqueando o peón de máis de Kramnik foi quen de soster a posición. Nun momento pareceu que as negras perdían o cabalo, pero resulta que podían salvarse con unha liña milagrosa. 0,5 - 0,5.

Parece que Kramnik gañaba con 52.Txd6, pero as negras teñen a xenial 52...Tb4!! ameazando b6+ gañando. A única defensa é 53.Bb5 e logo de 53... Txb5+ 54.Rxb5, Rxd6 resulta que o final de peóns resultante remata en dama contra peón de alfil en sétima que son táboas.

xoves, 12 de maio de 2011

- Análise da decisiva Topalov - Kamsky por Daniel King no sistema Chessmedia

Un novo e interesante vídeo no sistema creado pola empresa CheesBase. Unha mágoa que o programa ChessBase non permita crear cousas así, soamente reproducilas, por moito que o vendan "co sistema ChessMedia integrado".

- Candidatos Kazan 2011 - Semifinais (1). Táboas regulares e táboas malas

MARCADOR DAS SEMIFINAIS
Grischuk 0,5 - Kramnik 0,5
Kamsky 0,5 - Gelfand 0,5

Comezaron as semifinais, tamén a catro partidas a ritmo FIDE, e as dúas partidas remataron en empate. Pero hai cousas que non deberían permitirse, por máis que cada xogador represéntese a si mesmo e todo o que faga aféctelle soamente a el.

Grischuk - Kramnik: Gambito de dama con bispo en f4. Cambianse un cabalo, varios peóns, e na xogada 16 táboas. Isto será un match individual e todo o que se queira, pero seguro que aos xogadores non lles parecería ben que os premios fosen un 25% máis pequenos. E realmente das catro partidas que teñen previstas unha non existiu, así que os que poñen cartos para que eles xoguen terían razóns bastante poderosas para facelo. <se pensan xogarse todo a rápidas podemos aforrar catro días e moitos cartos.
Kamsky - Gelfand: O israelí plantexou a súa Najdorf e o americano escolleu unha variante pouco usada. Tras unha escaramuza táctica entrouse no medio xogo con alfil branco por cabalo negro e a parella de torres. Gelfand tiña un punto de presión nun peón retrasado defendido polo cabalo dende un cadro de onde non podía ser botado, pero iso desaparece e chégase a unha posición na que todo está defendido e para tentar atacar hai que descuidar a defensa. Táboas.

luns, 9 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Cuartos (Desempate). Grischuk - Kramnik e Gelfand - Kamsky serán as semifinais


MARCADOR FINAL DOS CUARTOS:
Topalov 1,5 - Kamsky 2,5
Gelfand 2.5 - Mamedyarov 1,5
Aronian 3,5 - Grischuk 4,5
Radjabov 5 - Kramnik 8

Os desempates diexaron a segunda sorpresa do torneo, tras a eliminación de Topalov. O número 1 do ranking do torneo, Aronian caeu. Kramnik pasou con máis pena que gloria. As semifinais comezan o mércores e serán Gelfand - Kamsky e Grischuk - Kramnik. Dous rusos, un israelí e un americano, aínda que cando naceron todos eran soviéticos.

Aronian - Grischuk: Grischuk clasificouse nas semirrápidas. Na primeira partida superou con negras a Aronian, pero este empatou na seguinte. Na terceira ao principio Aronian estaba mellor, pero a partida deu a volta e foi o armenio o que tivo que traballar o empate. Na derradeira nunha posición moi tensa Grischuk gañou a dama rival por torre e cabalo, e finalmente gañou. 1-5 - 2,5.

Kramnik - Radjabov: Na primeira partida Kramnik tivo moita presión, pero non foi quen de tumbar a defensa de Radjabov. Na segunda partida viuse algo menos de loita, e a terceira e a cuarta foron partidas con táboas en pouco máis de 20 xogadas. Chegaron as partidas a blitz e na primeira Radjabov xogou brillantemente e colocou un ataque gañador contra o enroque negro. Na segunda a blitz nunha posición morta Kramnik gañou porque Radjabov deixouse uns peóns sen motivo, tal vez canso das voltas sen sentido á posición do ruso. Na terceira pasou algo parecido. Ca obligación de gañar a cuarta partida Radjabov saiu de peón de rei e atopouse co muro de Berlín que acabara co reinado de Kasparov. Tentouno pero non houbo forma de gañar. Por certo, a partida aparece con vitoria de Kramnik nunha posición na que soamente hai táboas por repetición.

- Candidatos Kazan 2011 - Cuartos (Desempate). Pasan Grischuk e Kramnik

Pasan uns minutos desde que rematou a derradeira partida blitz entre Kramnik e Radjabov. Grischuk pasou nas semirrápidas e Kramnik no blitz.

- Candidatos Kazan 2011 - Cuartos(4). Gelfand e Kamsky semifinalistas. Os outros sairan das rápidas

MARCADOR DOS CUARTOS:
Topalov 1,5 - Kamsky 2,5
Gelfand 2.5 - Mamedyarov 1,5
Aronian 2 - Grischuk 2
Radjabov 2 - Kramnik 2


Temos xa dous clasificados. O veterano israelí Gelfand que resìstese a saír da elite, e o americano Kamsky, que volve a estar no camiño do título polo que tantos problemas tivo cando viaxaba co seu pai. As outras dúas eliminatorias de cuartos chegan ao desempate a rápidas.

Topalov 0,5 - Kamsky 0,5: Topalov estaba obrigado a gañar. Xogou unha inglesa tentando forzar moito a situación e buscando un xogo moi complicado. Kamsky aguantou ben e demostrou moito sangue frío cando o búlgaro montou un ataque contra o seu rei con dama e cabalo. Pero a parella de bispos de Topalov non podía colaborar e o americano contratacou usando os seus cabalos de forma Topalov tivo que buscar táboas por repetición para non perder. Deste xeito Kamsky pasou ás semifinais.
Gelfand 0,5 - Mamedyarov 0,5: Este era o outro encontro no que un dos xogadores tiña que vencer para non ser eliminado. A Gelfand as táboas servíanlle, e saiu de peón de dama. Para tentar gañar Mamedyarov plantexou unha defensa Benoni, pero a variante que emprego foi neutralizada totalmente por Gelfand que terminou a apertura moito mellor. De feito, acordáronse táboas na xogada 24. É certo que Gelfand estaba mellor, pero o empate a Mamedyarov non lle servía, e a posición non tiña liñas forzadas. Cada un que saque as súas conclusións.
Grischuk 0,5 - Aronian 0,5: Un empate en 17 xogadas... Unha eslava sen historia e o cuarto empate do minimatch que fará que mañá teñan que desempatar a rápidas. Tendo en conta as actuacións nos mundiais de blitz do armenio tal vez o ruso debería hoxe ter forzado algo máis con brancas.
Kramnik 0,5 - Radjabov 0,5: O ruso renunciou a catalana, e xogou un gambito de dama co bispo en f4. Cambio masivo de pezas, e ainda que Kramnik gaña un peón a posición é de empate, que acordan na 28. Desempate a rápidas, no que Kramnik parece favorito. Gañou así o match de Elista.

domingo, 8 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Cuartos(3). Gelfand adiantase a Mamedyarov


MARCADOR DOS CUARTOS:
Topalov 1 - Kamsky 2
Gelfand 2 - Mamedyarov 1
Aronian 1,5 - Grischuk 1,5
Radjabov 1,5 - Kramnik 1,5

O israelí Gelfand conseguiu vencer con negras a Mamedyarov e así poñerse por diante na eliminatoria. Cando falta soamente unha partida para terminar as partidas a ritmo FIDE, Topalov e Mamedyarov están obligados a gañar se non queren quedar eliminados. Grischuk ten a oportunidade de dar a sorpresa se fai valer as pezas brancas, e Kramnik posiblemente cambie de velocidade na derradeira partida para eliminar a Radjabov.

Kamsky 0,5 - Topalov 0,5: O búlgaro logrou certa iniciativa tras a apertura, na que empregou a Najdorf na siciliana. En pleno medio xogo, por medio de varios recursos tácticos Kamsky forzou unha repetición de xogadas e a partida rematou en táboas.
Mamdyarov 0 - Gelfand 1: O xogador azerí novamente atopouse con unha defensa siciliana por parte de Gelfand. O seu plan de ataque contra o rei negro foi detido sen pasar apuros por Gelfand, que comenzou a presionar no flanco de dama, empregando un sacrificio de calidade en c3. Mamedyarov insistiu no ataque, pero Gelfand sacrificou un cabalo, obtendo ao final catro peóns por unha torre. Pero as descoordinadas pezas brancas non podían parar o avance de peóns negro no ala de dama e Mamedyarov rendiuse. Unha gran partida de Gelfand.
Aronian 0,5 - Grischuk 0,5: O ruso non adoptou a variante de Grunfeld na que perdeu un peón sen compensación na primeira partida, e saiu bastante mellor dela. Aronian tivo certa iniciativa ao longo da partida, pero a cousa derivou nun final de torres no que non había nada máis que táboas.
Radjabov 0,5 - Kramnik 0,5: A variante Lasker da defensa ortodoxa voltou ao taboleiro. Kramnik sacrificou un peón  na xogada 14 que serviulle para cambiar varias pezas, destrozar a estructura de peóns do branco e recuperar o peón en oito xogadas. Pouco despois a combinación de dama e torre de cada bando con algúns peóns derivou nunha repetición de xogadas e nun novo empate.

venres, 6 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Cuartos(2). Kamsky gaña con negras


MARCADOR DOS CUARTOS:
Topalov 0,5 - Kamsky 1,5
Gelfand 1 - Mamedyarov 1
Aronian 1 - Grischuk 1
Radjabov 1 - Kramnik 1

O americano Gata Kamsky toma vantaxe no seu encontro tras acadar un importante triunfo con pezas negras. É o único que foi quen de gañar unha partida nesta rolda de cuartos.

Topalov 0 - Kamsky 1: O xogo que gusta ao búlgaro, con posicións complicadas e tensas, foi o que se logrou nesta partida. Pero a iniciativa tomouna o americano, e Topalov esta sempre máis cómodo atacando que defendendo. As pezas negras rodearon ao rei branco e gañaron material.
Gelfand 0,5 - Mamedyarov 0,5: Tras unha eslava convencional cada bando tentou desequilibrar o xogo ao seu favor, pero cambiáronse moitas pezas e a partida morreu.
Grischuk 0,5 - Aronian 0,5: O ruso escoulleu a sólida variante do cambio no gambito de dama, que deulle unha pequena vantaxe. Pero na xogada 23 Aronian xa igualara e acordaron o empate sen diexarnos ver unha lección de xogo sobre o peón de dama aislado.
Kramnik 0,5 - Radjabov 0,5: A catalana de Kramnik non fixo pasar ningún apuro a Radjabov.  O ruso tentou de demostrar que era mellor o seu tamdem torre-cabalo que o torre-bispo do azerí, pero con tres peóns enforntados simétricamente a defensa era moi sinxela e a pesares das voltas de Kramnik non apañou nada.

xoves, 5 de maio de 2011

- Candidatos Kazan 2011 - Cuartos(1). Todo empates

MARCADOR DOS CUARTOS:
Topalov 0,5 - Kamsky 0,5
Gelfand 0,5 - Mamedyarov 0,5
Aronian 0,5 - Grischuk 0,5
Radjabov 0,5 - Kramnik 0,5

Tras xogarse a primeira das catro partidas das que consta cada minimatch, ninguén foi quen de anotarse un punto, todo táboas.

Kamsky 0,5 - Topalov 0,5: O americano de orixe tártara xogou unha liña pouco usada contra a Najdrof do búlgaro. Topalov tentou de complicar a partida saccrificando torre por bispo e peón, pero o resultado da combinación non foi demasiado contundente e repetíronse xogadas ata o empate en pleno medio xogo.
Mamedyarov 0,5 - Gelfand 0,5: Desta vez o israelí non tratou de xogar unha partida sólida con negras, e plantexou unha siciliana Najdorf. Tras cambiar varias pezas a posición deixou unhas estructuras de peóns cheas de debilidades. Parecía que o azerí podía tratar de lograr algo máis co seu peón pasado no ala de dama, pero acordaron o empate.
Aronian 0,5 - 0,5 Grischuk: O ruso xogou unha apertura na que sacrificou un peón por unha iniciativa que non chegou. Como resultado o armenio Aronian sacou un peón limpo, pasado e gañador. Pero nos apuros de tempo, estando Grischuk peor ca el, non foi quen de acertar nun final de cabalo e peóns.
Radjabov 0,5 - Kramnik 0,5: Teimour Radjabov non logrou nada con brancas contra a arcaica defensa Lasker no gambito de dama do ruso.  Na xogada 25, ca posición igualda ofreceu táboas. Evidentemente Kramnik, que moitas veces dixo que nos matches xoga a empatar con negras e a gañar con brancas, aceptou encantado.
Este é o final no que Aronian deixouse medio punto. Difícil de ver con tan pouco tempo, pero con 66.Rd6 a partida se gaña Levou o seu rei a b6 e entón eran táboas. O curioso é que despois Grischuk tamén errou e voltou a estar perdido, pero Aronian non acertou, cambiaron cabalos e firmaron o empate.