Amosando publicacións coa etiqueta London Chess Classic. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta London Chess Classic. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de decembro de 2015

Carlsen gaña o Torneo de Londres

A sala de xogo - Web oficial.
O London Chess Classic rematou con tres xogadores empatados na cabeza a 5,5 puntos: Magnus Carlsen, Anish Giri e Maxime Vachier-Lagrave. As normas do torneo especificaban que habería que desempatar a rápidas se isto pasaba e iso foi o que fixeron. No primeiro match entre o 3º e 2º por Sonnen o francés gañou ao holandés no Armageddon, o que o levou a disputar a vitoria final contra o campión do mundo. Carlsen gañou con brancas e tras empatar con negras adxudicouse o primeiro premio.
Tras os tres da cabeza rematou Aronian a medio punto. Caruana, Adams e Grischuk fixeron 4,5 por 4 de Nakamura. Pecharon dous excampións mundiais: Anand con 3,5 puntos e Topalov que con 2,5 sobre 9 quedou na derradeira posición.

luns, 10 de decembro de 2012

Carlsen gaña Londres e bate o record de Elo de Kasparov

O noruegués xa é o xogador máis forte da historia se facemos caso aos valores da lista Elo. Habería que valorar se por exemplo os 2700 de Karpov nos anos 70 son iguais aos 2700 de Fressinet da derradeira lista, pero o caso é que tras gañar o London Chess Classic Magnus Carlsen sairá na seguinte lista con máis dos 2851 que eran o record mundial. Salvo que perda unha morea de puntos ata o final do ano que non vai ser o caso.
Carlsen quedou primeiro con un total 18 puntos (+5 =3 -0), por diante de Kramnik que ocupou a segunda praza sumando 16 (+4 =4 -0). O ruso fixo un gran torneo, pero non foi suficiente para quedar primeiro pola incrible actuación do noruegués.  Na terceira praza empataron Adams e Nakamura con 13 puntos, os dous facendo +3 =4 -1.

mércores, 5 de decembro de 2012

London Chess Classic (R4) Carlsen líder e co record de Elo a tiro

Anand - Kramnik
Tras as catro primeiras partidas o noruegués Magnus Carlsen leva 10 puntos (+3 =1) e é líder en solitario. A súa performance é de 3079, e de mantela nese nivel superaría a marca de Kasparov de 2851 puntos Elo. Na segunda posición está Kramnik con 8 puntos e terceiro marcha Adams con 7.

martes, 13 de decembro de 2011

- Londres 2011. Os vídeos do torneo

Se alguén perdeuse as retransmisións en directo do torneo pode remedialo acudindo a este enlace. Unha morea de horas dun dos torneos mías fortes do ano comentado por GM's como King, Conquest e incluso os participantes, Carlsen, Anand Kramnik...

luns, 12 de decembro de 2011

- Londres 2011 (Final) Kramnik primeiro, Nakamura segundo e Carlsen terceiro

O ruso Vladimir Kramnik levouse esta edición do torneo inglés con 16 puntos, tras empatar unha partida sen interese na derradeira rolda con Aronian. O único que podía alcanzalo na táboa era Carlsen, pero con negras non foi capaz de derrotar a Short, que estivo mellor toda a partida pero o noruegués foi quen de levala a un final de táboas. Isto aproveitouno Nakamura, que ao vencer a Adams quitoulle ao numero un do mundo a segunda praza. A partida McShane - Anand foi un trámite onde o inglés, esgotado pola partida do día anteriro, xogou sen ambición, que é o que fixo o campión do mundo todo o torneo.
A clasificación final foi a seguinte:

No
Nome
                           
GEPPTS Desempat.RatingTPR
1
Kramnik
Vladimir
44016.0 28002935
2
Nakamura
Hikaru
43115.0 27582888
3
Carlsen
Magnus
35014.0 28262879
4
McShane
Luke J
34113.0 26712853
5
Anand
Viswanathan
1619.0vitoria negra28112740
6
Aronian
Levon
1619.0 vitoria branca28022741
7
Short
Nigel D
1346.0 26982613
8
Howell
David W L
0444.0 26332570
9
Adams
Michael
0353.0 27342499

Web oficial.

domingo, 11 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R8) Kramnik líder en solitario.

A partida Anand - Carlsen foi unha carreira de cambio de pezas nunha variante Tartakower, e na xogada 23 xa estaban nun final de partida con torre, cabalo e peóns completamente igualado, e pouco despois firmaron as táboas.
Na partida Nakamura - Short o primeiro cambio fíxose na xogada 30, o que fala do pechada que foi a apertura. Lentas manobras nunha posición con longas cadeas de peóns bloqueadas, que non deron levado a ningures ata que na xogada 90 por fin acordaron as táboas que estaban no taboleiro xa na 40.
Un dos líderes, Mc-Shane, xogaba con brancas contra un dos outros líderes, Kramnik. O inglés sacrificou calidade para poñer en apretos ao rei do ruso,  pero nos apuros de tempo previos ao control da 40 McShane errou no plan e perdeu o ataque. Pouco despois estivo perdido, pero Kramnik, con pouco tempo tamén, non viu a liña gañadora. De todas formas a súa posición fíxolle gañar material, dous peóns por torre, aínda que con un peón branco pasado e apoiado en sexta moi perigoso. O inglés tentouno todo para salvarse, aproveitando todos os trucos tácticos na súa man, pero ao final estes remataron e tivo que renderse. Deste xeito Kramnik queda líder en solitario, con dous puntos por diante de Carlsen.
Unha partida chea de posibilidades tácticas dende a apertura foi a Howell - Aronian. Tras manter a tensión moitas xogadas chegaron os cambios, que deixaron un final de torre e bispo contra torre e cabalo, pero con peón negro de máis. O inglés recuperou o peón sen moitos atrancos e pronto foron táboas.
O torneo está a ser retransmitido en directo todos os días en http://www.livestream.com/LondonChessClassic, ca mellor calidade deste tipo de emisións en imaxe, comentarios e analises. Moi recomendable botarlle un ollo para saber como ten que facerse un torneo de elite.

sábado, 10 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R7) Kramnik, Carlsen e McShane empatados na cabeza

A partida Aronian - Anand foi un fraude, como acontece de cando en vez nos torneos de elite. Na xogada 24, con todo por xogarse, táboas por repetición. Máis cedo que tarde haberá que tomar algunha medida para que isto non poida suceder, posto que é difícil explicar que alguén cobre por non facer nada.
Short voltou a ser orixinal e tras 1.e4 e5 sorprendeu a McShane facendo 2.f4, o gambito de rei. Short tratou de coller a iniciativa sacrificando peóns, pero McShane deulle a volta a unha partida chea de temas tácticos. e devolvendo material quedou en posición gañadora facendo abandonar ao seu rival.
A catalana de Kramnik semellaba ben controlada por Howell, pero o ruso foi metendo cada vez máis presión no ala de dama. Os dous xogadores acadaron un peón en sétima, pero a mellor posición das pezas de Kramnik deulle a vitoria porque cas entradas a dama e os cambios tiraba peza limpa.
Adams con negras diante de Carlsen saiu ben da apertura, e estaba relativamente ben no medio xogo, pero deixouse nel unha peza e a partida.
Tras o resultados do día de hoxe hai tres líderes con 12 puntos. McShane, Carlsen e Kramnik, que teñen un máis que Nakamura. O resto están lonxe e teñen poucas opcións.

venres, 9 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R6) Xornada tranquila e todo queda igual

Todas as partidas remataron en táboas na sexta rolda do London Chess Classic. Aínda que algunha partida foi interesante non houbo ningunha delas na que algún rei pasase por apuros. Todo queda igual salvo que Carlsen foi o que descansou e ten un punto menos en relación a clasificación anterior.
Na rolda de mañá o máis interesante será o Aronian - Anand, no que pode estar en xogo o segundo posto da lista mundial de elo que sairá en xaneiro.
Web oficial.

xoves, 8 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R5) Nakamura gaña e ponse líder

O americano Nakamura recuperouse perfectamente sa súa derrota con Carlsen, e tras dúas vitorias seguidas, a última diante de Howell, ponse na cabeza da táboa. Sacrificando calidade fixo bo uso da súa iniciativa ca parella de bispos e chegou a un final gañado. O líder Carlsen fixo táboas con negras con Aronian, despois de estar á defensiva toda a partida pero sen pasar grandes apuros. Kramnik tamén gañou, desta vez a Adams, que nun final no que tiña cabalo contra bispo con peón de menos e unha posición moi delicada, nunha manoubra non moi feliz meteu ao seu cabalo nunha esquiña e alí rematou todo. O campión do mundo Anand despois de moitas partidas por fin acadou unha vitoria, tras superar a Short nun final de damas con peón de máis, onde tras cambiar as pezas maiores sacrificou peón para quedar co final gañado.
Web oficial.

mércores, 7 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R4) Tres vitorias das pezas negras

Soamente o líder foi quen de non perder levando brancas na cuarta rolda do torneo. Deste xeito agora o liderato é compartido por Carlsen e McShane con oito puntos, un máis dos que ten Kramnik. Na quinta rolda será McShane o que descanse e participe nos comentarios das partidas.

martes, 6 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R3) Nova vitoria de Carlsen que o deixa líder

O noruegués Carlsen derrotou ao americano Nakamura con un ataque directo sobre o rei e con dúas vitorias e un empate é o líder do torneo con sete puntos. Aronian recuperouse da súa derrota da rolda anterior gañando a Short, e McShane alcanzou a segunda praza do torneo derrotando a Adams. Anand e Howell fixeron táboas. Na cuarta rolda a partida máis interesante será a Carlsen - Kramnik.

domingo, 4 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R2) Tres líderes

Neste torneo os xogadores son impares, e hoxe foi o campión do mundo o que descansou. Facía tempo que non había un torneo no que pasase iso, pero os organizadores aproveitan para que o xogador que descansa participe na retransmisión do torneo en directo, facendo comentarios cos presentadores habituais.
O subcampión do mundo, Kramnik, colocou a súa primeira vitoria no moarcador superando con negras a Short, que abandonou cando nun final ca parella de bispos os seus peóns do ala de dama estaban a piques de ser cazados un tras outro. Na partida entre Howell e Adams acordáronse as táboas por repetición nunha posición no que o segundo tiña máis actividade a cambio dun peón. Na partida Kakamura - Aronian o armenio escolleu unha liña moi arriscada na que cambiaba torre por cabalo e peón, e o americano consguiu abrir liñas e impoñer a vantaxe de calidade para levarse os tres puntos. Carlsen sufriu moito con negras para sacar táboas contra McShane, conseguindoo grazas a unha precisa defensa nun final de torres con peón de menos.
Como a puntuación é de 3 por vitoria e un por empate a clasificación a encabezan Carlsen, Nakamura e Kramnik con 4.
Web oficial.

sábado, 3 de decembro de 2011

- Londres 2011 (R1) Carlsen comeza gañando e ponse de líder

Con unha preparación da apertura na que o seu rival tivo que apurarse moitísimo de tempo, o noruegués Magnus Carlsen obtivo a única vitoria na primeira rolda do London Chess Clasicc. O resto das partidas foron táboas nunhas partidas bastante interesantes.

venres, 2 de decembro de 2011

- Mañá comeza o London Chess Classic 2011

Do 3 ao 12 de Nadal en Londrés vai ter lugar este torneo, no que xogan os mellores ingleses e estrelas internacionais. Poderemos ver a Carlsen, Anand, Aronian, Kramnik, Kakamura, Adams, Short, McShane e Howell. As partidas comezaran as 14:00 hora de Londres e serán retransmitidas con comentarios de GM's. Este torneo ten moitas actividades paralelas, entre elas dúas sesións de simultáneas de Viktor Korchnoi.