sábado, 25 de agosto de 2012

- Europeos por idades. Prata para Amalia Aranaz e bronce para Daniel Forcén

Na rolda final houbo decepcións e alegrías para os xogadores españois. Non se conseguiron todas as medallas que estaban ao alcance, pero tampouco se perderon todas.
Na Sub18 masculina, grazas á súa vitoria sobre o armenio Gabuzyan nunha boa partida de ataque, o MI Daniel Forcén rematou a medio punto do gañador, o ruso Moiseenko, empatado con Gabuzyan. Pero o desempate favoreceu ao perdedor da partidae Forcén quedouse ca medalla de bronce. David Antón fixo o que tiña que facer para optar á medalla, gañar, pero os resultados das primeiras mesas fixeron que non chegase, e rematou sexto.
Na Sub18 feminina derrota de Amalia Aranaz contra a nova campiona europea, a rusa Goryachkina. Era a partida que decidía a gañadora da categoría, e a española, que levaba medio punto de vantaxe sobre varias perseguidoras, tivo a sorte de cara nese aspecto e non perdeu nin un posto polo desempate, mantendo a segunda praza.
Na Sub16 feminina Irene Nicolás forzou todo o que foi posible unha posición igualada para tratar de gañar a súa partida, dando voltas a un final empatado. Cando tiña a partida algo mellor e con máis posibilidades de que errase á rival nos apuros de tempo, foi a española a que fixo o blunder. Unha mágoa porque a vitoria daba o bronce e rematou oitava.
Finalmente na Sub8 feminina María Eizaguerri empatou na derradeira partida con negras contra Zavgorodneva, rematando con seis puntos e medio. Este empate fixo que perdese a medalla de bronce pola vitoria da azerí Isamyil, que tiña medio punto menos que ela. Rematou cuarta.
O resto dos xogadores españois tiveron resultados máis ou menos acordes ao seu nivel, e hai que ter en conta que nas idades máis baixas a orde de forza inicial pode non ter moito que ver co nivel real actual dos xogadores. Algo máis se esperaba de Jaime Santos, que era o segundo do ranking en Sub16, e rematou no posto 22. O galego Alberto Portela, en Sub14, fixo un torneo interesante gañando algúns puntos de elo. A tamén galega Mireya Represa en cambio perdeu algúns na Sub12. Julio Suárez Gómez era outro dos xogadorexs galegos en Praga, na Sub14, e quedou por riba do seu ranking inicial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario