luns, 3 de setembro de 2012

- Olimpiada 2012 (R6) Rusia, Armenia e Azerbaijan líderes. España a un punto da cabeza

O equipo ruso feminino segue líder - Foto da web oficial
Tras o día de descanso chegaba o enfrontamento máis esperado da Olimpiada, o Rusia - Armenia. Na primeira mesa Kramnik pasou por riba de Aronian ca preparación de casa: sacrificou peza por dous peóns pasados i en pouco máis de 20 xogadas o encontro estaba resolto. O resto das partidas estiveron igualadas, ata que Grischuk errou na defensa e Movsesian conseguiu poñer o 2-2 que deixa a Olimpiada totalmente aberta. Azerbaijan, outro candidato ao título, sacou unha vitoria contundente por 3-1 diante da revelación ata o momento, Croacia. Alemáns e americanos chegaron a xogar os finais en todas as súas partidas, pero ninguén foi quen de vencer ao seu opoñente, e remataron 2-2. 
España, na cuarta mesa diante da República Checa, loitaba por seguir moi arriba. Táboas de Illescas no terceiro taboleiro como primeira partida acabada. Despois, case ao mesmo tempo, chegaron no segundo taboleiro a derrota de Salgado e no primeiro a vitoria de Vallejo. O encontro decidiríase no cuarto, e alí Perez Candelario tiña ataque gañador e non errou, colocando un importante 2,5 - 1,5.
Filipinas gañou pola mínima a Bulgaria. China e Ucrania gañaron para poñerse tamén no grupo dos perseguidores entre os que está España. Tras esta rolda na cabeza temos tres seleccións que contan con cinco vitorias e un empate: rusos, armenios e azerís.
No torneo feminino o China - Rusia reclamaba toda a atención. A campiona mundial rexeitou o ataque dunha das irmás Kosintseva e gañou, pero a outra irmá gañou a súa partida e igualou o encontro. Dúas táboas nas outras partidas mantiveron a imbatibilidade de Rusia e a cabeza da táboa. Na segunda mesa de seleccións Polonia deuse unha chea con Serbia, 3,5-0,5, a mesma que as ucranianas cas azeris. Georgia pola mínima gañou a Eslovaquia, e Francia recuperouse da derrota con Rusia gañando 3-1 a Filipinas.
A selección española feminina tiña un encontro complicado contra Hungría. Matnadze perdeu no primeiro taboleiro. Alexandrova forzou un final igualado pero non houbo máis que táboas. Calzetta nivelou o encontro gañando un difícil final de bispos de distinta cor a pesar dos peóns de vantaxe. Táboas de Hernández no derradeiro taboleiro. Empate importante ante unha selección forte.
Rusia segue na cabeza, pero Polonia suma os mesmos puntos, polo que o enfrontamento entre elas será o novo encontro para decidir quen é líder en solitario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario