luns, 28 de marzo de 2016

O ruso Karjakin gañador do Torneo de Candidatos Moscú 2016

Tras gañar na derradeira rolda ao americano Caruana o ruso de orixe ucraniana Sergei Karjakin será quen se enfronte a Magnus Carlsen en Nova York a finais de ano polo título de campión mundial.
Karjakin e Caruana xogaban na derradeira rolda entre eles chegando empatados a puntos, co indio Anand a medio e que podía alcanzalos. Polo sistema de desempate Karjakin era o gañador do torneo se gañaba ou empataba e Anand non gañaba a Svidler e provocaba triple empate na cabeza. En caso de triple empate o gañador era Caruana.
Caruana arriscou ca apertura, e chegouse a unha posición pouco clara no medio xogo. Anand acordou táboas, co que Caruana tiña que gañar para ser campión. Nos apuros de tempo para o control, Caruana tivo un erro táctico que aproveitou Karkajin para obter ataque de mate sacrificando peza e gañar a partida.

sábado, 19 de marzo de 2016

Candidatos Moscú 2016 (R7) Aronian e Karjakin mandan á metade do torneo

Chegouse ao ecuador do torneo de candidatos de 2016, de onde ten que sair o retador que se enfrentara a Carlsen en Nova York. Tras sete roldas o armenio Aronian e o ruso Karjakin encabezan a táboa con 4,5 puntos. A medio punto deles atópase o indio Anand, e a un punto da cabeza o americano Caruana e o holandés Giri. Con 3 puntos o americano Nakamura e o ruso Svidler parten con grande desvantaxe para tentar acadar algo na volta do torneo. O búlgaro Topalov leva 2 puntos en ninguén conta xa con el.

xoves, 17 de marzo de 2016

Yifan Hou novamente campiona mundial

A chinesa Yifan Hou cumpriu os pronósticos e derrotou con claridade a Mariya Muzichuk por 6-3 (+3 =6 -0) no match disputado en Lviv, Ucrania, neste mes de marzo de 2016.

domingo, 13 de marzo de 2016

Candidatos Moscúa 2016 (R3) Aronian gaña a Topalov para empatar na cabeza


EVP94223.JPG

Nas partidas da terceira rolda houbo máis loita que na xornada anterior, ainda que tres das catro remataron en empate.
Aronian con negras cazou na apertura a Topalov, que quedou perdido moi pronto e por máis que o tentou o búlgaron non foi quen de salvar a partida. Nakamura sufriu para facer táboas con Svidler tendo un peón de menos nun final de torre, pero salvou a partida. Anand e Caruana acordaron táboas tras tentar deequilibrar no medio xogo, pero tras cambiarse todo optaron por firmar o empate. Giri sacrificou unha peza no enroque de Karjakin, pero non era para atacar, senon para forzar táboas por repetición.
De cara a cuarta partida Anand, Karjakin e Aronian teñen dous puntos. Caruana, Svidler e Giri un e medio, un ten Nakamura e medio Topalov.

sábado, 12 de marzo de 2016

Candidatos Moscú 2016 (R2) Karjakin gaña e únese a Anand na cabeza


O ruso Karjakin aproveitou o agasallo de Nakamura, que errou nun sacrificio co que iniciaba un ataque e tivo que abandonar. Svidler e Topalov cambiaron pezas moi rápido e a partida rematou en táboas sen chegar as 30 xogadas. Aronian e Anand acordaron táboas cando a partida entrou nun final de bispos de diferente cor e onde o peón de máis do indio non servia de nada. A cuarta partida da rolda foron as táboas entre Caruana e Giri, na que as táboas se acordaron xusto ao chegar ao final de torres.
Tras a segunda rolda Anand e Karjakin teñen 1,5 puntos, Svidler, Giri, Aronian e Caruana levan un punto, e pechan Nakamura e Topalov con 0,5 puntos.

venres, 11 de marzo de 2016

Candidatos Moscú 2016 (R1) Anand ponse primeiro

Tras xogarse a primeira rolda do torneo o actual subcampión mundial, o indio Anand, é o líder tras se o único capaz de gañar a súa partida, que foi diante do excampión Topalov. Nas outras partidas táboas en partidas sen moito perigo no encontro entre americanos Nakamura-Caruana e no encontro entre rusos Karjakin-Svidler. Aronian si que tivo que facer unha gran labor defensiva diante de Giri, calculando con precisión un final de peóns no que tiña un de menos.

Torneo de Candidatos Moscú 2016

Oito xogadores van loitar por ser o aspirante ao título de Magnus Carlsen. Anand, Aronian, Caruana, Giri, Karjakin, Nakamura, Svidler e Topalov xogarán un pechado de catorce roldas para decidir en Moscú quen debe retar ao campión mundial.

xoves, 10 de marzo de 2016

Open Aeroflot 2016 - O ruso Evgeniy Najer gañador

Un dos torneos abertos máis fortes do ano, xogado en Moscú, foi para un xogador do país, o GM Najer, que rematou empatado co israelí Boris Gelfand. Ambolosdous fixeron 6,5 puntos pero o desempate favoreceu ao ruso.
O polaco Bartez foi terceiro encabezando o grupo de oito perseguidores a medio punto da cabeza. O español Vallejo partía como o oitavo cabeza de serie, pero soamente acadou o posto trinta. Tampouco foille moito mellor a David Antón, que partía no posto 21º e rematou no 64º.

Mundial Feminino 2016 (R6) Yifan Hou acada a segunda vitoria

Tras xogarse seis das dez partidas das que consta o match a excampiona mundial Yifan Hou vai por diante por 4-2. A campiona Mariya Muzichuk ten que gañar a metade das partidas que faltan se quere chegar ao desempate, o que parece pouco probable tras o xogo visto ata agora.

xoves, 3 de marzo de 2016

Comezou o match polo mundial feminino en Ucrania

Na localidade ucraniana de Lviv vai ter lugar o match polo título mundial feminino de xadrez. A actual campiona é Mariya Muzychuk, que vai defender o título diante de Yifan Hou. Tras as dúas primeiras partidas os pronósticos estanse a confirmar e a aspirante xa vai diante por 0,5 - 1,5, tras un empate rápido na primeira partida e unha segunda na que a campiona foi superada claramente.