venres, 31 de decembro de 2010

- Torneo de Reggio Emilia. Vallejo líder con 3,5 de 4

Tras gañar hoxe a Short e onte a Navara o xogador español Vallejo marcha na cabeza do torneo que está a xogarse na localidade italiana de Reggio Emilia. Os xogadores que marchan a continuación del teñen dous puntos, ainda que Navara podería acadar dous e medio se gañase unha partida que non se xogou na primeira rolda contra Morozevch.
Na partida de hoxe Vallejo conseguiu unha iniciativa tan grande contra Short na apertura que este pasou a meirande parte da partida defendéndose, e iso que levaba brancas. O favorito Ivanchuk non termina de encontrar o seu xogo e leva catro táboas nas catro partidas xogadas.
Web oficial.

xoves, 30 de decembro de 2010

- A FEDA publica unha actualización de normas de xogadores

Non sabemos moi ben cal é o obxetivo, pero se algún interesado andaba un pouquiño despistado pasámoslle o enlace.

- Torneo de Reggio Emilia. Vallejo arranca ben

Un ano máis este torneo pecha una ano e abre o seguinte, enfrontando a xogadores tan fortes como Ivanchuk, Gashimov, Movsesian ou Navara.
Tras xogar as dúas primeiras partidas do torneo italiano o líder é o inglés Short, que sumou os dous puntos en xogo. O español Vallejo vai segundo a medio punto de Short, e catro xogadores teñen un punto.
As partidas poden seguirse en directo na web oficial todos os días as 15:00.

venres, 24 de decembro de 2010

- Yifan Hou nova campiona mundial

A xogadora chinesa Yifan Hou é a nova campiona mundial ao gañar por 3 a 1 nas partidas rápidas a Lufei Ruan. Táboas nas partidas con negras e dúas vitorias con brancas. Con 16 anos convírtese na campiona máis xove da historia.
Web oficial.

- Eleccións na FEGA

Non hai cambios no xadrez galego.
Acta da Asemblea.

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (final) Ruan forzou as rápidas

Tiña unha tarefa complicada, pero Ruan Lufei conseguiu vencer a Yifan Hou nunha das dúas partidas que tiñan que xogar para completar as catro do ritmo FIDE.
Na terceira partida Ruan Lufei xogou con negras, acadou unha vantaxe suficiente para gañar, pero non foi quen de romper a defensa de Hou no final. Na cuarta partida, na vitoria era obligatoria, Lufei escolleu o ataque Keres contra a siciliana e conseguiu gañar, forzando o desempate a rápidas.

xoves, 23 de decembro de 2010

- Campionato de Rusia. Nepomniachtchi foi o gañador.

O ruso Nepomniachtchi venceu a Karjakin no desempate. Tras empatar as dúas primeiras partidas conseguiu o título no armagedon. Video da partida.

mércores, 22 de decembro de 2010

- Campionato de Rusia. Karjakin e Nepomniachtchi rematan na cabeza.

O ruso Nepomniachtchi e o ucraino nacionalizado ruso Karjakin remataron empatados a 7 puntos no Campionato de Rusia, e terán que xogar o desempate a rápidas para decidir quen será o campión do 2010. Con 6,5 puntos remataron a continuación Svidler e Grischuk.
Web oficial.

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (final) Hou por diante

Xogáronse xa as dúas primeiras partidas da final, que é a unha serie de catro a ritmo FIDE. Despois das táboas na primeira partida, a favorita Yifan Hou púxose un punto arriba tras vencer con negras nunha defensa siciliana a Rufei Luan. Hoxe poderíamos ter nova campiona mundial se Hou gaña con brancas.
Web oficial.

luns, 20 de decembro de 2010

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (semifinais)

Dúas xogadoras chinesas xogarán a final do mundial feminino. Yifan Hou e Lufei Ruan, que eliminaron a Humpy Koneru e Xue Zhao respectivamente. A favorita e Hou, con 2591 ELO FIDE, fronte os 2480 de Ruan, pero é unha competición tipo KO onde un pequeno erro é moi difícil de arranxar, polo que todo podería pasar.

- Almasi campión europeo de rápidas.

Os días 18 e 19 de Nadal xogouse en Varsovia o campionato europeo da modalidade, con un ritmo de xogo de 15m + 10s por partida. O sistema foi suizo a 13 roldas, tomando parte 723 xogadores!
Ata cinco xogadores remataron empatados na cabeza con 10,5 puntos dos 13 posibles, tendo que botar man dos sistemas de desempate para repartir os trofeos. Zoltan Almasi, de Hungría, foi o gañador, por diante de Vugar Gashimov de Azerbaian e Vassily Ivanchuk de Ucrania, que completaron o podio. Mala sorte para o español Shirov, que foi o cuarto clasificado.
Web oficial (en polaco)

- Vachier-Lagrave campión europeo de blitz

Xogouse en Varsovia o 17 de nadal o torneo para determinar o mellor xogador blitz europeo. O ritmo de xogo foi de 3m + 2s. Torneo suizo a 13 roldas con 349 inscritos. Os encontros eran a dobre volta, isto é, xogabase cada emparellamento con brancas e con negras.
O francés Maxim Vachier-Lagrave foi o gañador, sumando 22 de 26 puntos posibles. O subcampión foi Vassily Ivanchuk, de Ucrania, a dous puntos. A terceira praza do podio foi para o tamén ucraino Ruslan Ponomariov, que quedou a dous puntos e medio do gañador.
Web oficial (polaco).

xoves, 16 de decembro de 2010

- Carlsen gaña o London Chess Classic

Tras gañar na derradeira rolda a Nigel Short, Magnus Carlsen acadou a victoria nun torneo que tiña moi difícil tras perder dúas das tres primeiras partidas. Short xougou unha defensa francesa, na que Carlsen escoulleu a poscional variante Tarrasch. O noruegués gañou un peón no ala de dama e presionou nel ata quedar con un peón gañador. Short tentou algo no ala de rei pero non resultou e tivo que rendirse.
No encontro Anand - Kramnik xogouse a española berlinesa, na que o ruso é un experto e pouca xente consegui batilo. Pero tampouco é a mellor opción para intentar gañar a partida e ter opcións de gañar o torneo. As pezas foron cambiándose pouco a pouco e ao final o final de bispos de distinta cor soamente daba táboas.
Adams con negras xogou o gambito Marshall contra Nakamura, no que mantivo unha boa presión compensando o peón de menos. Os dous xogadores tentaron todo o posible ata chegar a rei contra rei, proba da loita na partida.
Howell - McShane foi una siciliana na que no taboleiro apareceu o ataque inglés. Howell tentouno no ala de rei e McShane no de dama como manda a teoría, pero a partida acabou nunha triple repetición no medio xogo.
A clasificación final quedou así: 1º Carlsen 13; 2º Anand 11; 3º McShane 11; 4º Nakamura 10; 5º Kramnik 10; 6º Adams 8; 7º Howell 4; 8º Short 2. É interesante comprobar que se aplicásemos a puntuación clásica de punto por vitoria e medio punto por empate Carlsen pasaría de primeiro a terceiro, e o resto dos xogadores manterían a mesma orde.

mércores, 15 de decembro de 2010

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (cuartos)

Novo éxito para China, que clasificou a tres das súas catro xogadoras para as semifinais. Zhao e Hou eliminaron as súas rivais nas partidas a ritmo FIDE, Skripchenko e Lahno. A única chinesa eliminada foi Ju, que perdeu no ritmo FIDE con Koneru, o Elo máis alto do torneo. A terceira chinesa clasificada foi Ruan, que no desempate a rápidas venceu a  Harika.
As semifinais deixan os enfrontamentos Ruan - Zhao e Koneru - Hou, que podería considerarse a final anticipada.
Web oficial.

- London Chess Classic (6R). Todo táboas, pero das boas

Non hai cambios na clasificación porque todas as partidas remataron en táboas, pero a loita foi durísima.
Short e Howell xogaron un... gambito de rey! En poucas xogadas os dous reis parecían estar a piques de recibir mate, pero ao final, tras trocarse a maioría das pezas no medio das ameazas e defensas, chegouse a un final de táboas.
Adams e Anand xogaron unha partida posicional das que Karpov era experto. Lentas manobras ata chegar a un punto onde o que dese un paso adiante perdería, e acordouse o empate.
McShane escapou de Nakamura grazas a un xaque continuo que salvou unha posición perdida. Algo parecido pódese decir de Carlsen, que salvou un final contra Kramnik que a computadora gaña porque calcula millóns de xogadas, pero o ruso e un ser humano.
Hoxe a rolda final, en directo as 12:00 na web oficial.

luns, 13 de decembro de 2010

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (oitavos). Kosteniuk fóra.

A actual campiona do mundo, Alexandra Kosteniuk, non poderá revalidar o título, ao ser eliminada nas partidas rápidas pola chinesa Lufei Ruan. Koneru foi a única das favoritas que pasou nas partidas a ritmo FIDE, porque Yifan Hou tivo que xogar as rápidas. O desenlace máis dramático foi o da eliminatoria Harika - Muzychuk, M. que chegou ata o armagedon.
Os cuartos de final deixan os seguintes enfrontamentos: Ruan - Harika, Koneru - Ju, Hou - Lahno e Zhao - Skripchenko, Unha ukraniana, unha francesa, dúas indias e catro chinesas. Non hai rusas entre as oito mellores, o que non pasara nunca.
Web oficial.

- London Chess Classic (5R). Carlsen, Anand e McShane: triunvirato

O número 2 do mundo, Magnus Carlsen, venceu a David Howell na súa partida da quinta rolda cando o inglés nos apuros de tempo deixouse un cabalo nunha posición igualada. Deste xeito acadou os 9 puntos, que o colocan empatado na cabeza cos dous anteriores colíderes.
Anand e McShane, que tiñan 8 puntos, fixeron táboas nunha española berlinesa nunha partida sen grandes sobresaltos. Isto fai que a falta de dúas partidas teñamos tres xogadores primeiros.
O americano Nakamura tumbou ao Marshall de Short, quen escolleu a liña 9...e4 atacando o cabalo en troques da habitual 9...Cxd5. Non saiu ben o experimento, porque o inglés tivo que abandonar na xogada 34 ao chegar a un final perdidísimo.
Na cuarta partida da rolda Adams e Kramnik fixeron táboas. Adams xogou a española e atopouse co Muro de Berlin de Kramnik, aquel que acabou con Kasparov. Algún intento agresivo dos dous xogadores pero moi pronto a posición non daba para máis que deixalo en táboas.
As partidas en Chessbase.
Hoxe día de descanso, con Carlsen, Anand e McShane con 9 puntos. Nakamura e Kramnik están moi cerca, con 8. Adams ten remotas opcións con 6. Finalmente Howell e Short con 2 e 1 punto non teñen nada que facer.

domingo, 12 de decembro de 2010

- Campionato de Rusia

Comezou en Moscova o torneo nacional máis forte do mundo. Doce xogadores nun cerrado, onde o máis "parvo" é un 2646. E non están nin Kramnik nin algún outro ruso que podería subir a puntuación media.

- London Chess Classic (4R). Anand alcanza a McShane na cabeza

O campión mundial Viswanathan Anand gañou a Nigel Short na cuarta rolda do torneo de Londres, o que permitelle empatar na primeira praza da competición. Short, con brancas, decidiu xogar unha siciliana cerrada. No medio xogo, con opcións para ambos xogadores, Short fixo un dudoso sacrificio e Anand rematou.
Kramnik sumou unha vitoria diante da defensa Grunfeld de Howell. O xogador ruso foi aumentando pouco a pouco a vantaxe de espacio e desenvolvemento ata quedar con un final totalmente gañado que o inglés xa nin tentou defender.
Adams e McShane empataron unha apertura catalana que rematou en final de bispos de distinta cor tras unha partida moi tranquila. Este resultado permite a McShane seguir líder, pero agora empatado con Anand.
E finalmente Carlsen derrotou a Nakamura nunha apertura inglesa. O americano arriscou no medio xogo, non lle saiu ben, e Carlsen foi mellorando as súas pezas ata gañar a partida.
As partidas en Chessbase.
Hoxe unha nova rolda, as 14:00 hora galega, antes do día de lecer de mañá.
Web oficial.

sábado, 11 de decembro de 2010

- London Chess Classic (3R). McShane resiste a Kramnik e segue líder

Unhas sufridas táboas contra o ex-campión do mundo Vladimir Kramnik, amosando a técnica de defensa do final de torre contra torre e alfil, permitironlle o xogador inglés Luke McShane sumar un punto e manterse na cabeza do torneo con 7 puntos, mentres Kramnik suma 4.
Táboas de Nakamura e Howell, os cales chegaron a un final de dama contra torre e cabalo no que o británico montou unha fortaleza onde a dama e o rei de Nakamura non poderon entrar. O americano ten agora 5 puntos por 2 de Howell.
O encorntro entre os dos mellores xogadores ingleses do momento acabou en táboas mortas con bispos de distinta cor. Adams suma catro puntos e Short estrenou o seu casilleiro e cerra a clasificación con 1.
E finalmente Anand esnaquizou a defensa Breyer na española de Carlsen. Por un peón o indio acadou un desenvolvemento exemplar para atacar o enroque do noruegués, que tiña as pezas moi pasivas. Carlsen salvou a posición pero quedou cun enroque penoso e foi quedando cada vez peor ata ter que abandoar.
As partidas para reproducir en Chessbase.
Hoxe novas partidas, retransmitidas en directo na páxina oficial, con comentarios e analises de GM's e MI's de balde, En inglés, por suposto.
Web oficial.

venres, 10 de decembro de 2010

- London Chess Classic (2R). McShane sorprendente líder.

Comezou en Londres este forte torneo. Oito xogadores, Anand, Carlsen, Kramnik, Nakamura e os ingleses Adams, Short, McShane e Howell. Tras xogarse dúas roldas soamente houbo dous empates, os dous nas partidas de Anand. O inglés McShane vai na cabeza tras gañar dous de dous, e ten dous puntos de vantaxe sobre Nakamura. A puntuación é a do Masters de Bilbao, 3 por vitoria e un por empate.
Hoxe a terceira rolda, onde o líder ten as brancas fronte a Kramnik, igual que Anand contra Carlsen. As partidas poden seguirse en directo as 16:00 horas de Londres na web oficial, onde está tamen recollida toda a información das moitas actividades paralelas, entre elas as simultáneas da lenda Korchnoi.

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (2/32-2)

Ilustres eliminadas na segunda rolda. Kosintseva, Dzagnidze e Stefanova, 4ª, 5ª e 6ª do ranking están a facer as maletas para regresar a casa tras ser eliminadas. Hoxe comenzan os oitavos do final, onde das dezaseis xogadoras cinco son chinesas, o único país con máis de unha representante.

luns, 6 de decembro de 2010

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (2/32-1)

Xa está listo o cadro da segunda eliminatoria. Ver cadro.
Os enfrontamentos máis interesantes parecen Kosintseva - Dembo e Cmilyte - Paetzh.

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (1/32-2)

Remataron as partidas a ritmo FIDE da primeira eliminatoria, e o único resultado sorprendente foi a eliminación da GM Pia Cramling (2526) nas mans da WIM de Betul Yildiz (2225), que perdeu por tempo ao esquecer que tiña un control as 40 xogadas. Tamén é salientable a boa combinación coa que gañou a partida Alexandra Kosteniuk.

 
Todas as pezas negras atacan ao feble enroque negro, e iso propicia o sacrificio.
28...Ba2+! 29. Ra1 Se o rei vai a c1 ven 29...Txc2+ gañando.
29...Cxc2+! 30. Rxa2 A alternativa era perder a dama, pero agora ven o mate en 3.
30...Ta3+!! 0-1 Sacrificio de torre para que poida entrar a dama en a3 e logo mate.

Hoxe xoganse os desempates para deixar un cado definitivo con 32 xogadoras. Páxina oficial.

sábado, 4 de decembro de 2010

- Campionato do Mundo feminino en Turquía (1/32-1)

Comezou este torneo en Antakya, Turquía, que ten esta páxina oficial, moi completa e coidada.
Xogase co sistema de Copa: dúas partidas ao ritmo FIDE, e se hai empate desempate a rápidas e logo blitz se este persiste. O ranking está encabezado pola posuidora actual do título, Kosteniuk, seguida por Koneru, Hou, Kosintseva e así ata 64 xogadoras. Isto da lugar a 32 enfrontamentos na primeira rolda.
Non houbo sorpresas nas primeiras partidas, gañando as favoritas nos sete primeiros taboleiros.  Resultados completos.
As partidas poden seguirse en directo, e como novidade hai retransmisión para IPhone.