luns, 31 de xaneiro de 2011

- Daniel King analiza a partida Carlsen - Wang Hao

Un novo video para Chessbase no sistema Chessmedia, no que vemos como o noruegués gaña nun ataque ao rei sen enrocar do chinés.
Ver video.

- Open de Gibraltar (6R) Ivanchuk toma o liderato.

O ucraniano Vassily Ivanchuk ponse na cabeza en solitario en Gibraltar tras vencer ao inglés Nigel Short nunha complicada partida, e suma 5,5 puntos. O inglés, que nas cinco primeiras roldas gñara todas as partidas, ocupa agora a segunda praza empatado a 5 puntos co alemán Fridman e o israelí Mikhalevski. Hoxe estes catro xogadores xogan entre eles. Mikhalevski - Ivanchuk e Short - Fridman.
Os españois están a ter unha actuación discreta. Por exemplo, Vallejo partía cuarto no ranking, e está no posto 57 na clasificación, con un rendemento de 2581, máis de 100 puntos por debaixo do seu ELO. O mellor clasificado é Ernesto Fernández Romero, con 4 puntos ocupando o posto 40, con rendemento de 2485. Bellón está a facer un bo torneo, sumando 3,5 puntos e rendendo a 2517. Moi ben Mónica Calzetta rendendo a 2457.
Web oficial.
Resultados en ChessResults.

domingo, 30 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (Final). Nakamura campión!

Un novo retrato para as paredes do recinto onde cada ano ten lugar este torneo, no que poden verse a todos os gañadores. O americano Nakamura acabou como gañador en solitario, despois de que todas as partidas da derradeira rolda rematasen en táboas. Nakamura acordou táboas con Wang Hao en 23 xogadas tras ollar que todas as tentativas con negras nunha defensa siciliana do campión mundial Anand eran neutralizadas por Nemponiachtchi. Como o indio non foi quen de vencer o ruso ao fonal Nakamura é campión con nove puntos e Anand segundo con oito e medio. Dos que marchaban terceiros o que intentou algo foi Aronain, pero non acadou nada. Como todo foron empates na rolda, dos que máis da metade foron un trámite, a clasificación non variou. O español Shirov tentouno, pero non foi quen de evitar a derradeira praza. 
1º Nakamura 9; 2º Anand 8,5; 3º Aronian e Carlsen 8. Clasificación completa.
No grupo B Navara e McShane deixaron unha boa imaxe loitando por ser o gañador en solitario, facendo unha partida moi boa que rematou en un final de reis e peóns de táboas. Polo tanto comparten a primeira praza. Efimenko e Sargissian tamén xogaron os dous pola vitoria nunha partida tamén intensa, na que o final de táboas deixou terceiro a Efimenko.
1º McShane e Navara; 3º Efimenko. Clasificación completa.
No grupo C a Vocaturo bastábanlle as táboas para ser o gañador. O segundo era Nyzhnyz que tiña que gañar a Vocaturo, e xogou unha siciliana para acadalo. A cousa non lle saiu moi ben, porque Vocaturo quedou moito mellor tras a apertura, con unha iniciativa moi grande, que permitiulle crear unha combinación na que sacrifica as dúas torres e un alfil no enroque do ucraniano para forzar un xaque contínuo e rematar primeiro. A traballada vitoria de Katherina Lahno na partida máis longa da rolda, nun final de cabalo e peóns, serviulle para quedar terceira en solitario.
1º Vocaturo 9; 2º Nyzhnyk 8,5; 3º Lahno 8. Clasificación completa.

sábado, 29 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (12R) Nakamura 8,5 - Anand 8 - Aronian e Carlsen 7,5. Falta unha partida

Non houbo cambios importantes na rolda 12. A partida máis importante era a Nakamura - Kramnik, da que se podía esperar a un Kramnik que tentase algo para ter unha mínima opción de gañar o torneo, Pois non. Defensa berlinesa, partida plana e táboas en 20 xogadas. Un resultado útil para Nakamura que depende de sí mesmo para gañar o torneo, pero non para Kramnik, que foi alcanzado por Vachier-Lagrave.
Anand tentou gañar a Giri, pero a partida complicouse e tivo que afinar para non quedar peor. Ao final táboas que deixan o torneo aberto a falta de unha rolda, na que teremos un Nepomniachtchi - Anand e un Wang Hao -Nakamura.
Aronian xogaba con l'Ami e consegiu igualar unha posición na que parece que o holandés non acertou cando estaba mellor. Carlsen colocou outro sacrificio de alfil e gañou ao chinés Wang Hao, o que permitiulle alcanzar a Aronian na terceira praza.
O español Shirov salvou un final moi difícil onde tiña un peón de menos e cabalo contra alfil nunha posición aberta, pero como Grischuk venceu a Smeets queda na derradeira praza en solitario. Se gaña a última partida escaparía dese dudoso honor.
No grupo B a rolda final deixanos a McShane e Navara na cabeza con oito puntos, e un Navara - McShane para a rematar o torneo onde case seguro teremos o gañador do torneo. Efimenko ten sete e medio, e podería sumarse a un trío de gañadores se vence a Sargissian, que ten sete puntos, como Liem, So e Tkachiev.
No grupo C Vocaturo tiña case todo feito, pero foi perder a penúltima partida. O seu perseguidor non desaproveitou a ocasión, venceu na súa partida, e xogará o domingo 30 con negras contra o líder. Unha vitoria de Nyzhnyk contra Vocaturo o faría gañador do torneo. Na terceira praza está Ivanisevic con sete puntos e medio, pero matemáticamente non pode ser vencedor porque un dos de arriba vai puntuar seguro.

- Open de Moscú

Non confundir co Aeroflot, que será en febreiro. Este é outro torneo.
Estase a organizar un festival de xadrez en Moscú composto por nove torneos diferentes. Hai cerrados para xogadores de primeiro nivel, open para universitarios, open aberto e ata unha copa de problemas.
Web oficial.

- Open de Gibraltar (4R)

Despois de xogarse catro partidas temos dous líderes, o GM Short e a MI Kosintseva. que gañaron todas as súas partidas. Despois, no grupo de tres e medio está entre otros o favorito Ivanchuk. A destacar a sétima posición de Viktor Korchnoi, que ten tres puntos e na segunda rolda esmagou ao italiano Caruana e os seus 2721 puntos Elo.
En canto a xogadores españois as cousas non andan especialmente ben. Vallejo ten 2,5 puntos, o igual que Cabrera, e son os mellor clasificados, os dous con un rendemento bastante por debaixo do esperado polo sistema Elo. Tamén teñen os mesmos puntos Bellón, que está a facer un bo torneo, o mesmo que Urbina e Fomani, ainda que estos están a aproveitarse do sistema suizo acelerado, que non funciona igual que o normal, e fai uns emparellamentos un tanto "curiosos".

- Wijk Aan Zee (11R). Nakamura gaña e escapase

Soamente quedan dúas roldas e o americano Nakamura está máis cerca de acadar o seu maior éxito no xadrez. Hoxe venceu ao ruso Nepomniachtchi cas pezas negras, nunha Caro-Kan chea de complicacións tácticas nas que Nakamura sempre está feliz, e agora ten oito puntos. O seu compañeiro da cabeza, o campión do mundo Anand, fixo táboas con negras contra Vachier-Lagrave, nunha siciliana de enroques opostos e ataques clásicos do blanco no ala de rei e do negro do ala de dama nas que as agresións nremataron nun xaque continuo. Deste xeito Nakamura ten medio punto sobre o indio que queda segundo.
Aronian empatou con Ponomariov, nunha partida complicada con desquilibrios materiais e posicionais, o que o deixa a un punto de Nakamura e a medio de Anand na terceira praza. Na partida do día, Kramnik, que estaba empatado no terceiro e cuarto posto con Aronian, viu como o irregular número 1 do mundo, Carlsen, tiña o día bo e primeiro gañaba un peón e logo daba unha lección de como un cabalo pode superar a un alfil no final. Deste xeito Carlsen pasa a ocupar a cuarta praza empatado a puntos con Kramnik, seis e medio. O español Shirov tivo unha partida tranquila con Giri na que as táboas acadadas non lle serven para abandonar a derradeira praza que comparte con Grischuk con tres puntos.
O sábado 29 o encontro por todos esperado é o Nakamura - Krmanik, onde ao ruso soamente lle serve gañar.
No grupo B as cousas volven a estar igualadísimas, e os resultados deixan a catro xogadores, Efimenko, McShane, Navara e So na cabeza con sete puntos, a medio punto Sargissian e Liem, e a un punto Tkachiev e Woijtaszek. A falta de dous puntos por xogarse ninguén pode adiviñar o gañador.
Pola contra, no grupo C podemos casi dar por gañado o torneo ao italiano Vocaturo, que xogaba contra Lahno, a sua perseguidora, e venceu nunha densa, cerrada e longa partida que rematou nun final de torres gañado. Vocaturo ten oito puntos e medio, por sete do GM de catorce anos Nyzhnyk que a pesares de gañar hoxe o ten moi difícil para gañar o torneo, tendo en conta que a derradeira rolda é Vocaturo - Nyzhnyk.

mércores, 26 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (10R). Anand e Nakamura novamente man a man na cabeza

Catro xogadores tiñan seis puntos antes das partidas, pero agora soamente Anand e Nakamura teñen sete. Anad venceu a Shirov cando este deixouse material en pleno medio xogo. Nakamura derrotru a Vachier-Lagrave cun fulminante ataque nunha posición na que o seu rei non estaba ben, pero o do francés estaba peor.
Kramnik e Aronian, os outros dos que tiñan seis puntos fixeron unhas táboas con negras cada un deles, sen arriscar nada e especialmente no caso de Kramnik, que xogou unha berlinesa desas que acaban sempre en táboas.
A maior sorpresa da xornada foi a derrota de Carlsen, que levaba brancas diante de Nepomniachtchi, e que segue a ser moi irregular dun tempo a esta parte. O seu compañeiro de cinco e medio era Vachier-Lagrave, e agora os dous están a punto e medio da cabeza, case sen opcións nas tres roldas que quedan.
O xoves 24 é día de descanso, esperando o Kramnik - Carlsen do venres. Nakamura e Anand xogan con dous dos do cince e medio, Nepomniachtchi e Vachier-Lagrave. Aronian leva brancas contra Ponomariov e parece que é  o que mellor o ten.
No grupo B McShane descolgouse da cabeza, que agora Efimenko e So comparten con seis e medio. No grupo de seis agora hai catro xogadores: McShane, Navara, Sargissian e Tkachiev, todos eles con opcións. 
No grupo C derrota do líder Vocaturo, pero Lahno fixo táboas e Nyzhnyk tamén perdeu, polo que mantén o liderato con comodidade. O venres Vocaturo - Lahno para decidir o torneo ou deixalo totalmente aberto.
Web oficial.

- Sen sorpresas na primeira rolda de Gibraltar

Os mellores do ranking non deron opcións na primeira rolda, e gañaron as súas partidas. Non atopamos nada positivo para algún xogador de Elo inferior ata as táboas do MI Sarkar (2418) co GM Harikrishna (2667) na mesa nove, e despois temos que ir ata a mesa 15 na que o GM español Juan Manuel Bellón (2404) empatou co GM Iordachescu (2634). Temos que destacar a presenza do GM Viktor Korchnoi (2544), que parte do posto 38 do ranking e que en breve cumplirá os 80 anos e segue sendo un xogador moi forte. Hoxe a rolda número dous, a partir das 16:00 na web oficial, con comentarios en directo en inglés polos GM's Williams e Conquest.

martes, 25 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (9R). Kramnik e Aronian chegan á cabeza

Hoxe tiñamos un encontro estrela entre os dous xogadores que ocupaban as primeiras prazas. Foi unha partida con bastante loita que xogouse ata que a cousa non deu para máis: Nakamura - Anand táboas e seis puntos para cada un deles.
Dous dos que viñan detrás tamén xogaban entre eles, Vachier-Lagrave e Carlsen. Carlsen conseguiu un peón de vantaxe levando negras nunha berlinesa, pero a maior actividade das pezas do francés recuperou o material e a partida tamén foi un empate. Non perderon a oportunidade Kramnik e Aronian. Xogaban con dous dos da parte baixa da clasificación, l'Ami e Shirov, e gañaron as súas partidas para sumarse ao grupo que lidera o torneo. l'Ami non presentou moita batalla a Kramnik, e Shirov xogou con fogo e perdeu outra vez con moi bo estilo.
Na décima rolda o único encontro que enfrenta a xente de arriba e o Nakamura - Vachier-Lagrave. Botando un ollo o calendario aparentemente o que o mellor nas catro partidas que faltan é Aronian.
No grupo B o líder So perdeu, polo que temos agora tres xogadores na cabeza con seis puntos. So, Sargissian e McShane. O Mc-Shane - Efimenko será a partida máis importante da xornada, polos cinco e medio do ucraniano.
No grupo C Vocaturo deu un paso adiante ao gañar a súa partida e ver como o Nyzhnik - Lahno remataba en táboas. Ten sete puntos e medio por seis dos seus perseguidores, punto e medio sobre catro que faltan o que dalle moita marxe para maniobrar nesas roldas.

- Comeza o Open de Gibraltar

Ata o día 3 de febreiro vai ter lugar este torneo. O español Vallejo é o número catro do ranking. Entre os demáis españois que xogan podemos destacar aos GM Cabrera e Bellón e o MI Fernández Romero. As partidas poden seguirse todos os días en directo.

luns, 24 de xaneiro de 2011

- Análise co sistema Chessmedia do GM King da partida Carlsen - Nakamura para Chessbase

Dous interesantes videos de Chessbase subidos a Youtube, feitos co sistema Chessmedia, ese no que os comentarios van sincronizados cos movementos no taboleiro. Nun inglés, británico de Daniel King, que se entende bastante ben.

domingo, 23 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (8R). Carlsen detén a Nakamura

O número 1 do mundo, Magnus Carlsen, decidiu que xa era hora de facer unha partida que o demostrase, e lanzou un ataque contra o enroque de Nakamura, o líder, sacrificando primeiro un bispo, e logo a calidade, o que o deixou con unha torre de menos pero con mate imparable. Deste xeito Carlsen sumase o grupo dos que están a un paso da cabeza, e queda a medio punto de Nakamura.
Anand e Aronian non aproveitaron o fallo do americano. Táboas entre eles nun gambito Marshall de Aronian, acordadas nunha posicion na que Anand ten cinco peóns contra catro. Os bispos son de diferente cor, pero con dúas torres en xogo poderíase tentar sacar algo, tendo en conta que pode buscar un peón pasado afastado. Cinco puntos e medio para Anand que empata con Nakamura e cinco para Aronian.
No grupo dos que teñen cinco puntos está Kramnik, que tomouse un día de descanso e fixo táboas en 18 con Ponomariov, nunha partida na que dende o principio quedou moi claro que era o que pretendían os dous. O francés Vachier-Lagrave venceu a Smeets e ten agora tamén cinco puntos sen facer moito ruido. Primeira vitoria do español Shirov, que gañou a Grischuk traballando moito nun final de torre e peón de torre contra bispo que se non se xoga ben pode rematar en táboas. Ten agora dous puntos e medio e xa non é o pechacancelas, que agora son Smeets e Grischuk.
O grupo B ten agora un único líder, o filipino Wesley So, que aproveitou xogar contra o xogador de menor Elo do grupo para gañar, sumar 6 puntos, e aproveitar as táboas de McShane e a derrota de Efimenko, que quedan con cinco e medio e cinco. Con cinco están tamén agora Sargissian e Wojtaszek.
No grupo C o italiano Vocaturo gañou outra vez, e ten seis puntos e medio. A derrota de Nizhnyk deixano empatado na seguna praza con Lahno a medio punto do italiano.

sábado, 22 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (7R). Un interesante final de torres

Na sétima rolda a partida máis longa deixounos un final interesante.



Sargissian, Gabriel (2667) - Nijboer, Friso (2584), Wijk Aan Zee GM-B, 2011

"Os finais de torres son sempre táboas" é unha frase feita que non é certa nin moito menos. Imos ver como o xogador armenio gaña a súa partida con un cálculo sinxelo pero preciso. 
As brancas teñen un peón máis, e o peón de a7 mantén ocupada a torre negra. Pero o seu rei ten que ocuparse do peón de d2, e está pechado na primeira fila. Polo tanto, os peóns do ala de rei teñen que gañar elos soíños
69. h5! Un sacrificio gañador. As blancas devolven o peón para deixar paso ao peón da columna f. O dous contra un do outro lado non da nada: 69. Td8 Txa7 70. Txd3 Tf7 71. Td4 Rh6 táboas. O avance do outro peón fai que sexan as brancas as que teñan que buscar táboas: 69. f5 gxf5 70. h5 f4 71. h6 f3 (por suposto se 71... Rxh6? 72. Th8+ e as brancas gañan) 72. Re1 f2+ 73. Rf1 d2 74. Td8 Txa7 75. Txd2 Rxh6 76.Txf2 e empate.
69... gxh5 Hai que tomar de xeito forzado. Se 69... Rg7 70. hxg6 Ra6 (e 70... d2 71. f5 Ta5 72. f6+ Rxg6 73. Tg8+ +-) 71. Rd2 Rxg6 72. Tg8+ +-.
70. f5! As negras abandonan. Teñen que tirar a torre polo peón branco e non poden coroar o seu peón de h.
Se xogan 70... Rg7 entón 71. f6+ Rf7 (se 71... Rxf6 72. Tf8+ gaña, e se 71... Rh7 72. f7 coroando) 72. Th8! A posición correcta defensiva do rei negro non se pode manter, e decir, rei en h7 ou g7 para non deixar espazo a manobra de xaque da torre branca. Se as negras toman en a7 perden a torre da seguinte forma: 72...Txa7 (non serven nunca liñas do estilo 72... Rxf6 73.a8=D Txa8 74. Txa8 Rg5 75. Rd2 h4 76. Rxd3 Rf4 77. Tf8+ Rg3 78. Re3 h3 79. Tg8+ Rh4 80. Rf4 gañando) 73. Th7+ Rxf6 74. Txa7 gañando a torre e o peón negro de h non salva a situación.

- Wijk Aan Zee (7R). Nakamura escapase de Anand

A vitoria do americano Nakamura fronte a Smeets permitelle ser o líder do torneo. O holandés xogou unha coñecida variante da eslava, que derivou nun xogo con moitas complicacións tácticas do gusto de Nakamura, que apañou dos peóns e quedou con un final técnicamente gañado.
O outro líder da proba ata o momento era Anand, que xogaba con negras diante de Carlsen. Aproveitando que no torneo non hai normas contra as táboas sen loita, na xogada 18 e con todo por facer a partida rematou. É curioso que Carlsen na rolda anterior seguise xogando un final de torre e cabalo contra torre que é táboas para liar ao rival, cosa que logrou, e logo nin tente recortar a distancia a un dos que marchaban na cabeza.
O español Shirov acadou un empate contra o chinés Wang Hao, nunha partida na que outra vez sacrificou material por ataque. Aronian venceu con negras a Grischuk, que escolleu unha variante prehistórica na apertura española. Kramnik fixo o mesmo contra Giri, ao que esmagou pouco a pouco ata obligalo a abandonar.
A clasificación queda nas primeiras prazas con Nakamura 5,5; Anand 5; Aronian e Kramnik 4,5.
No grupo B McShane tropezou con Liem, e agora na primeira posición atopamos a Efimenko, McShane e So con 5 puntos.
No grupo C dous xogadores con poucos anos teñen 5,5 puntos. Nyzhnyk de Ucrania e Vocaturo de Italia. Katherina Lahno ten 5 puntos e ocupa a terceira praza.

venres, 21 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (6R). Anand e Nakamura seguen no máis alto con 4,5 puntos

Un punto completo é a vantaxe dos dous líderes do torneo holandés fronte os seus perseguidores, un numeros grupo con cinco xogadores, no que destaca a presencia de Giri, que de momento non alcanza os 2700 dos seus compañeiros, que os sobrepasan amplamente nalgún caso. O español Shirov segue último con un punto. Hoxe perdeu con Krmanik unha partida moi intensa, con ataques e sacrificios por ambolosdous bandos, pero segue sen ter sorte.
No grupo B McShane non da respiro e segue a gañar, e soamente resiste Efimenko o seu ritmo a medio punto, que derrotou ao seu compañeiro na táboa clasificatoria ata hoxe Fressinet.
No grupo C ainda non remataron as partidas da rolda, nas que se está a loitar cadro a cadro por obter algo de vantaxe. Vocaturo segue na cabeza, pero o rapaz ucranio non lle da respiro na táboa.

xoves, 20 de xaneiro de 2011

- Xogadoras que xogaron no Mundial Feminino protestan contra a organización

Unhas cantas participantes no mundial xogado recentemente en Turquía firmaron unha carta queixandose da penosa organización. O que máis chama a atención é que tiveron que pagar case o dobre polo aloxamento do precio habitual do hotel.
A carta en Chessbase (inglés).

mércores, 19 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (4R). Anand e Nakamura na cabeza con 3 puntos

O campión do mundo Anand e o mellor xogador dos Estados Unidos Nakamura comparten a cabeza do torneo holandés tras as catro primeiras roldas. Tras deles marchan Vachier-Lagrave, Aronian e Giri, con dous e medio. Magnus Carlsen, o favorito por Elo, ten 1,5 puntos e ainda non logrou vitoria. A pregunta e se vai outra vez a gañar un torneo empezando mal e terminando de forma sobrenatural. O español Shirov, que o ano pasado comezara con 5 de 5 este ano leva 0,5 de 4...
Na cuarta rolda o campión do mundo deu unha lección de como o espacio e a iniciativa compensan de sobra o material de menos. Na xogada 16 sacrifica unha peza por dous peóns ante o chinés Wang Hao, sen unha compensación táctica a curto prazo. Todo o mundo ten a obligación de ver esta partida.
As partidas en Chessbase.
No grupo B McShane con 3,5, segue moi forte, sacando un punto completo aos seus seguidores. No grupo C o italiano Vocaturo ten tamén 3,5 puntos, seguido a medio por tres xogadores, entre os que está o GM de 14 anos Nyzhnyk.
Web oficial.

domingo, 16 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (2R). Moitos empates, e algúns sen moito xogo.

Na segunda rolda do grupo A do torneo soamente Nepomniachtchi foi quen de gañar, contra o chinés Wang Hao con negras nunha apertura que foi unha mestura da Pirc e da India de Rei. O resto das partidas foron empates, pero chaman a atención algúns deles, nos que os xogadores decidiron ter unha xornada de lecer. Por exemplo, Ponomariov e l'Ami acordan táboas nunha posición na que trocaron un peón e unha peza menor en 21 xogadas. No Anand - Kramnik a partida prometía cando Kramnik cede calidade por iniciativa, pero pouco despois recupera o material simplificando e matando o xogo. Shirov e Carlsen tiveron unha partida de risco polas dúas partes, que acabou cun xaque continuo de Carlsen. Na cabeza están agora Anand, Nakamura, Smeets e Nepomniachtchi.
No grupo B atopamos ao único xogador con dous de dous, McShane, que ven de xogar moi ben en Londres e está en racha. No grupo C varios xogadores teñen 1,5, entre eles o GM ucraniano de 14 anos Nyzhnik.
A terceira rolda o luns 17 ás 13:30.

sábado, 15 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee (1R). Final de táboas que non o foi

Os apuros de tempo poden liar a calquera, e vemos como o GM Hammer perde un final de táboas teóricas co GM Efimenko, que pesca en rio revolto.


Hammer, Jon Ludvig (2647) - Efimenko, Zahar (2701), TataChess 2010 (Grupo B) - R1

75. Rh4?? Todas as xogadas de torre que non a perden son táboas. E as dúas xogadas que ten o rei perden.  O máis sinxelo era manter o bispo cravado. Tendo en conta a posición do rei branco tamén podíase buscar o sistema de defensa da segunda fila, no que mantendo a torre e o rei nela pode salvarse a posición.}
75... Rf4! Ameaza mate, e é unha das gañadoras.
76. Tc3 Se as brancas fan 76. Rh5 perden igual por 76... Be4. Tapa os xaques ao rei negro, e se agora 77.Rh6 Td7 e hai que perder a torre ou é mate.
76... Be6 Controla o cadro no que a torre tapa o xaque. 
77. Rh5 Bf5! Efimenko demostra coñecer ben o final. Soamente esta xogada gaña.
78. Rh6 Se 78.Tc4+ Be4 e chegamos ao xa visto. Se a torre branca para a entrada en d7 con Tc7 hai mate en b1. 
78... Td7 Non hai salvación.
0-1

- Wijk Aan Zee. Anand, Nakamura e Smeets gañan na primeira rolda.

Tres victorias no grupo A do torneo. Anand cazou a dama de Ponomariov, que foi de excursión e non foi capaza de regresar a casa. Grischuk sacrificou unha peza contra Nakamura tentando atrapar ai rei do americano que andaba polo centro, pero non foi quen de conseguilo e quedou con un final perdido. Smeets gañou a Shirov, que tentou incendiar o taboleiro outra vez, pero desta queimouse el. No encontro máis esperado Carlsen e Aronian fixeron táboas, nunha partida que acabou porque Aronian decidiu repetir posicións en medio de ataques reciprocos. Nos grupos B e C decidíronse catro das sete partidas, e temos catro líderes en cada un deles.
Mañá a rolda 2, na que temos un Anand - Kramnik que levanos de volta ao último campionato mundial. Shirov - Carlsen tamén pode ser unha partida moi interesante se Shirov sae cas mesmas intencións de hoxe.

venres, 14 de xaneiro de 2011

- Wijk Aan Zee. A primeira rolda sábado 15 as 13:30

O torneo máis importante do ano comeza maña, con estes emparellamentos na primeira rolda.

R. Ponomariov - W. Anand
E. l'Ami - A. Giri
J. Smeets - A. Shirov
M. Carlsen - L. Aronian
H. Nakamura - A. Grischuk
M. Vachier-Lagrave - W. Hao
I. Nepomniachtchi - V. Kramnik

A salientar o Carlsen - Aronian, número 1 contra número 3 do mundo. O español Shirvov xoga co holándes Smeets, o segundo Elo máis baixo do grupo. As partidas en directo na web oficial.

xoves, 13 de xaneiro de 2011

- Open de Gibraltar

A finais de mes, 24/1 a 3/2 vai ter lugar este torneo con importantes premios, pero no que os xogadores españois pouco xogan, a pesares de quedar ben cerca. Botándolle un ollo o precio dos hoteis atopamos a explicación.
Os premios son bastante importantes, e os pagan en libras esterlinas. En total 126.000 libras, que son case 150.000 euros. Hai premio para os 12 primeiros clasificados e tamén por tramos de 100 puntos Elo dende 2000 a 2600.
Os participantes confirmados son moi duros: Ivanchuk, Adams, Caruana, Vallejo, Bologan, Sasikiran, Onischuk, Nisipeanu... A cousa é tal que polo de agora, no posto 20 da orde de forza, está a campiona mundial Yifan Hou!

martes, 11 de xaneiro de 2011

- A FIDE declara 2011 o ano de Botvinnik

Celebrando o centenario do seu nacemento a FIDE declara 2011 o ano de Mikhail Botvinnik, tres veces campión mundial, e director da escola de xadrez de onde sairon Karpov, Kasparov, Kramnik, Yusupov, Shirov, Ivanchuk...
Información FIDE.
Botvinnik en la Wikipedia.

luns, 10 de xaneiro de 2011

- Catro días para Wijk Aan Zee

Un ano máis o festival de xadrez máis importante do mundo comezará nesta localidade holandesa. A participación no grupo ten aos catro mellores do mundo na cabeza.
Web oficial.


Tata Steel Group A
GM Magnus Carlsen NOR 2814
GM Viswanathan Anand IND 2810
GM Levon Aronian ARM 2805
GM Vladimir Kramnik RUS 2784
GM Alexander Grischuk RUS 2773
GM Hikaru Nakamura USA 2751
GM Ruslan Ponomariov UKR 2744
GM Wang Hao CHN 2731
GM Alexey Shirov ESP 2722
GM Maxime Vachier-Lagrave FRA 2721
GM Ian Nepomniachtchi RUS 2715
GM Anish Giri NED 2686
GM Jan Smeets NED 2662
GM Erwin l'Ami NED 2628


Tata Steel Group B
Radoslaw Wojtaszek POL 2726
David Navara CZE 2708
Laurent Fressinet FRA 2707
Zahar Efimenko UKR 2701
Gabriel Sargissian ARM 2667
Le Quang Liem VIE 2664
Wesley So PHI 2673
Luke McShane ENG 2664
Surya Ganguly IND 2651
Li Chao CHN 2649
Jon Ludvig Hammer NOR 2647
Vladislav Tkachiev FRA 2636
Friso Nijboer NED 2584
Wouter Spoelman NED 2547


Tata Steel Group C
Murtas Kazhgaleyev KAZ 2637
Ivan Ivanisevic SRB 2630
Mark Bluvshtein CAN 2590
Daniele Vocaturo ITA 2570
Ilya Nyzhnyk UKR 2530
Dariusz Swiercz POL 2540
Katherina Lahno UKR 2518
Roland Pruijssers NLD 2484
Benjamin Bok NED 2453
Robin van Kampen NED 2443
Mark van der Werf NED 2439
Sebastian Siebrecht GER 2439
Jan Willem de Jong NED 2437
Tania Sachdev IND 2391

xoves, 6 de xaneiro de 2011

- Torneo de Reggio Emilia. Remata con Vallejo segundo por sonnen

Ao final Gashimov e Vallejo acadaron 6 dos 9 puntos en xogo, pero a vitoria do azerbaiano sobre o español deulle unha pequena marxe no sonnen para poder decir que é o primeiro. Os dous remataron o torneo gañando na oitava e empatando na novena rolda.
Na terceira praza atopamos a Movsesian, que o conseguiu facendo todo táboas salvo a vitoria ante Short, o que deulle 5 puntos. Na cuarta praza Navara, tamén con 5 puntos, que ten que lamentar a derrota por tempo contra Gashimov na oitava rolda nunha posición con todo en xogo.
Web oficial.

mércores, 5 de xaneiro de 2011

- Torneo de Reggio Emilia. Gashimov alcanza a Vallejo

Vugar Gashimov derretou con negras ao español Vallejo levando negras e o alcanza na primeira praza na clasificación xeral, ambos con 4,5 puntos. O español mandou un peón adiante no ala de dama que resultou unha debilidade na posición, quedando con un peón menos nesa parte do taboleiro, a máix afastada dos reis, e iso resultou decisivo no final.
Con catro puntos atopamos a Onischuk, Movsesian e Navara, que faltando dúas partidas tamén teñen as súas opcións.
Hoxe unha rolda con enfrontamentos directos: Vallejo - Onischuk e Gashimov - Navara. Movsesian xoga con Caruana e tampouco o terá fácil.
Web oficial.

luns, 3 de xaneiro de 2011

- Torneo de Reggio Emilia. A falta de tres partidas Vallejo un punto arriba

Disputáronse xa seis das nove partidas do torneo, que ten unha forza media de 2695. Vallejo segue na cabeza con un punto sobre os seus máis inmediatos perseguidores, Onischuk, Gashimov e Movsesian, que teñen 3,5 puntos polos 4,5 do español.
O máximo favorito, Ivanchuk, perdeu hoxe a súa primeira partida, o que o deixa no 50% dos puntos e con unha tarefa moi complicada se quere levarse a vitoria final. O primeiro líder do torneo, Short, despois de gañar as dúas primeiras partidas, soamente acadou unhas táboas nas seguintes catro e é penúltimo por diante do local Michele Godena, que sacou dous empates no torneo.
Todas as partidas e videos do torneo.
Web oficial.

sábado, 1 de xaneiro de 2011

- Nova lista de ELO. Carlsen recupera o 1.

Magnus Carlsen recupera o número 1 que perdera na lista anterior, trocando o seu posto con Anand. Aronian e Kramnik mateñen posicións, e Karjakin ascende a quinta praza. A mellor entre as mulleres a Judith Polgar, 2686, unha vez máis. Koneru é a segunda con 2607, posto que é probable que perda nas máns de Yifan Hou, a terceira agora con 2602, na seguinte lista.
O primeiro español é Shirov no posto 24 con 2722. Vallejo é o segundo eten 2698 e ocupa o posto 40. O terceiro español e primeiro galego segue a ser Iván Salgado con 2626, e ocupa o posto 144 dentro dos xogadores en activo. En canto a mulleres a primeira española é Olga Alexandrova con 2381, a 122 do mundo, seguida de Sabrina Vega con 2333 e Mónica Calzetta 2284.

Os 20 mellores do mundo:

 1 Carlsen, Magnus g NOR 2814 17 1990
 2 Anand, Viswanathan g IND 2810 17 1969
 3 Aronian, Levon g ARM 2805 9 1982
 4 Kramnik, Vladimir g RUS 2784 16 1975
 5 Karjakin, Sergey g RUS 2776 20 1990
 6 Topalov, Veselin g BUL 2775 10 1975
 7 Grischuk, Alexander g RUS 2773 20 1983
 8 Mamedyarov, Shakhriyar g AZE 2772 9 1985
 9 Ivanchuk, Vassily g UKR 2764 0 1969
10 Nakamura, Hikaru g USA 2751 16 1987
11 Ponomariov, Ruslan g UKR 2744 0 1983
12 Radjabov, Teimour g AZE 2744 0 1987
13 Gashimov, Vugar g AZE 2736 10 1986
14 Wang, Yue g CHN 2734 21 1987
15 Nepomniachtchi, Ian g RUS 2733 11 1990
16 Gelfand, Boris g ISR 2733 9 1968
17 Wang, Hao g CHN 2731 33 1989
18 Svidler, Peter g RUS 2730 11 1976
19 Kamsky, Gata g USA 2730 6 1974
20 Wojtaszek, Radoslaw g POL 2726 0 1987