A partida Anand - Carlsen foi unha carreira de cambio de pezas nunha variante Tartakower, e na xogada 23 xa estaban nun final de partida con torre, cabalo e peóns completamente igualado, e pouco despois firmaron as táboas.
Na partida Nakamura - Short o primeiro cambio fíxose na xogada 30, o que fala do pechada que foi a apertura. Lentas manobras nunha posición con longas cadeas de peóns bloqueadas, que non deron levado a ningures ata que na xogada 90 por fin acordaron as táboas que estaban no taboleiro xa na 40.
Un dos líderes, Mc-Shane, xogaba con brancas contra un dos outros líderes, Kramnik. O inglés sacrificou calidade para poñer en apretos ao rei do ruso, pero nos apuros de tempo previos ao control da 40 McShane errou no plan e perdeu o ataque. Pouco despois estivo perdido, pero Kramnik, con pouco tempo tamén, non viu a liña gañadora. De todas formas a súa posición fíxolle gañar material, dous peóns por torre, aínda que con un peón branco pasado e apoiado en sexta moi perigoso. O inglés tentouno todo para salvarse, aproveitando todos os trucos tácticos na súa man, pero ao final estes remataron e tivo que renderse. Deste xeito Kramnik queda líder en solitario, con dous puntos por diante de Carlsen.
Unha partida chea de posibilidades tácticas dende a apertura foi a Howell - Aronian. Tras manter a tensión moitas xogadas chegaron os cambios, que deixaron un final de torre e bispo contra torre e cabalo, pero con peón negro de máis. O inglés recuperou o peón sen moitos atrancos e pronto foron táboas.
O torneo está a ser retransmitido en directo todos os días en http://www.livestream.com/LondonChessClassic, ca mellor calidade deste tipo de emisións en imaxe, comentarios e analises. Moi recomendable botarlle un ollo para saber como ten que facerse un torneo de elite.
Ningún comentario:
Publicar un comentario